Buscar neste blog

lunes, 1 de febrero de 2010

VIAXE A LISBOA 2009 (III)

Chiado e Alfama...



O Hotel do Chiado está moi ben situado, é moi cómodo, limpo. Nas habitacións a decoración é sinxela e tamén nos corredores. A peza é moi ampla e ten moito servizo, e as vistas son de espectáculo. Aínda así ao meternos esta noite dame a impresión que algo lle falta: unha entrada, nos corredores, na decoración... Algo así como si lle faltara o toque de excelencia. Todos os traballadores son rapaces moi novos e ás veces da a impresión de que andan un tanto ao seu.


En fin, cada un ten as súas limitacións e as súas carencias. Algúns temos ademais fallas das que nos costa tomar a corda. Por outra banda, sempre, eu penso así, sempre hai que procurar a execelencia, coma parte do proceso e xa dende o primeiro. En todo hai formas de excelencia, dentro dos nosos límites. O produto final ten que ser interesante e atrativo, pero non como obxectivo, senon como parte constitutiva do seu proceso creativo... A ver a cafetería.


O sol entra ao mencer diretamente por riba do Castelo, aliñado coas rúas da Baixa, por unha fiestra de 3 metros de alto, que é o mellor dos cuadros da habitación.



Unha cousa máis do Bárrio Alto: penso que pode ser moi axeitada a aposta polo visual e estético dende o punto de vista comercial. Tiña pensado si este ambiente é propicio para a creación, pero acho que non especialmente. Case todo o produto que vin é produto internacional. Mais este tipo de posicionamento é xa de por si unha actitude atrativa e interesante, acode á curiosidade e ao hedonismo. Desto é dificil aburrirse e sempre se repite. E pretender que os visitantes volten entendo que é sempre unha boa aspiración. Dende logo o panorama de que en Lisboa hai xenio e que se está a crear si é quen de xerar momentos mais propicios e condicións favorables para o artista e para o seu comerciante. Non son da opinión de que o artista crea da fame...



A planta alta do hotel é unha delicia. As suites prolónganse cara a cidade coa súa terraciña... e logo a sala de almorzos e a cafetería enmarcan un ambiente espectacular co oco á toda a altura que entra ademáis no espazo organizando unha proa de barco sobre a Baixa. E un na súa mesiña, ou medio soterrado nos coxíns de fío oriental, navega despreocupado... como sempre pensou que navegarían os rentistas ociosos nos seus veleiros.

E canto sol! ata dentro mesmo pele. Un lugar perfecto deseñado á semellanza da natureza, coma a sombra dunha árbore centenaria no cumio dun outeiriño pequeno: para botar o día á ler, mirando para o redor de cando en cando e só de esguello, en reposta a unha lufada de vento morno, a unha caricia de luz sobre o pescozo e os ombreiros, ou a un sutil e paseniño paso dunha abella.

http://www.hoteldochiado.com/es/photogallery.html

Para pasear o domingo no Chiado encargamos un bo sol e un ambiente tranquilo, e aforramos uns cartiños coa visita gratuita ao Museu do Chiado, un espazo industrial (un antigo convento urban e que ademais de centro de produción pasou por ser un dos primeiros museos de arte contemporánea) rehabilitado con xenio, con moita variedade de circulacións. Un magnífico edificio de ostentosas estruturas de fábrica que ao pouco pasaría dunha panadería, ou do taller dun ferreiro, e así, asemade, cheo de dignidade e orgullo. Bótase en falla información sobre a orixe e evolución da casa, para os que non somos moi agudos ao interpretar a cantidade de cicatrices na súa cara nin as pegadas do que pasou na area do seu piso.

O que ten o museo, por riba do que é e de como se conta agora, son coleccións interesantes de pintura e escultura, que ao tempo son caracter e retrato de Lisboa, retratos de preto, íntimos, familiares. Ao primeiro xulgaramos que a exposición non era espectacular (se cadra máis aínda, prescindible) pero ao tempo que foi ficando na memoria, decateime de que é moi coherente, precisa e xeitosa, as pezas entretidas e agradabeis e a biblioteca modesta pero cumprida. E que está, sen dúbida, por riba incluso que o bo aproveitamento do edificio...

Sempre teño no interior un sentimento profundo de ledicia cando me contradigo a min mesmo. Esto é a interpretación literal do meu ánimo: satisfacción ao descubrir, co exercicio do pensamento, que aquelo que tiña por seguro, ou do que tiña unha opinión, o tempo e o traballo seguido de pensar e dar voltas, me leva, como follas secas no vento, a pinchicarneiros no ar, para diante e para atrás e de abaixo para arriba aos topetazos, ata outra opinión. Case sempre, ademais, ocurre máis dunha vez. Doume conta de que nunca poderei escribir unha Ética nicomaquea, ... ou se cadra sí, pero nunca sería a última.

Apuntamos da colección os nomes de Nikias Skapinakis, Jorge Vieira e especialmente o de Almada Negreiros e as súas preparacións para os frescos para as Gares Marítimas de Alcántara e da Rocha do Conde de Óbidos. Estas obras están datadas nos anos 40 e 50, pero siguen nun período longo. É un museu de orgullo. Orgullo portugués, ou máis aínda lisboeta... claro, é un museu de barrio, e non todos os barrios teñen un museu de seu.


Quintais de Lisboa. Nikias Skapinakis 1956



Gare Marítima da Rocha do Conde de Óbidos. José de Almada Negreiros 1946


Dúas cabeças. Jorge Vieira 1948



http://www.museudochiado-ipmuseus.pt/en/news

No hay comentarios:

Publicar un comentario