Buscar neste blog

domingo, 7 de febrero de 2010

FLORENCE+THE MACHINE



Supoño que eu pouco podo dicer desta muller que outros antes durante estes meses non teñan dito. Tanto por falta de referencias culturais como de capacidade lingüistica no eido disciplinar da música. Pero mirade a súa páxina de myspace, con máis de tres millóns e medio de visitas.


O que teño claro e que florence + the machine traballan diretamente coas vísceras, e non é referencia ao título do seu disco de debut, este lungs (pulmóns) que mantén o ritmo dun historia ou cantar de cego fantástica, chea de poesía, de arranxo glamouroso e de verdadeira creación. Ten maneiras, ten afeccións, os cortes sampleados e as bases rítmicas son cotiás e xeitosas.




E por riba todo o conxunto é novidoso, alleo a tendencias, firme aposta e sinatura persoal. É a voz de Florence Welch e o seu relatorio violento de días noxentos, golpes e contragolpes, dentes rotos, raparigas choscas e violencia como recurso artístico. Comentaba recentemente Tarantino que a violencia é a mellor fonte da expresividade visual, sangue e golpes. As letras e a voz de Florence conteñen concentrada desesperación e victorias logradas con sangue e golpes, e cada tema é unha poesía.


A nena que aínda non ten 25 anos canta coa voz que había ter a nai de Billie Hollyday ou Etta James. Penso que é o novo heavie, de historias maduras, de presenza coidada, de traballo minucioso. Un barroco intelixente e belixerante, un Borromini atormentado. Disque leva apenas 3 anos de carreira, pero semella que hai moito nela. Acontece que o panorama británico, que a ten alimentada copiosamente e abusivamente promocionada, adoita devorar ás presas aos seus fillos. Teño a impresión que nesa voz hai dez discos máis e temas que virán.


Cando miro a súa imaxe actual vexo á Ofelia de John Everett Millais, antes de deitarse na auga morta pola tolemia da vida, das relacións persoais, suicidio polo asasinato... cando a rabia encheu o seu corpo , como en Rabbit Heart (Raise it Up)



Este é un video da súa páxina, que podedes seguir




Como canta ela, un bico cun puño é millor que ningún bico

No hay comentarios:

Publicar un comentario