Buscar neste blog

Mostrando entradas con la etiqueta Pensamento. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Pensamento. Mostrar todas las entradas

lunes, 14 de junio de 2010

VIOLLET-LE-DUC E RUSKIN: A UNIDADE DE ESTILO E A AUTONOMÍA DO MONUMENTO


Normalmente o momento no que nace a Restauración debería ser representado como o propio grupo Laocoonte que extasiaba a Winklemann, no que o vello celebrante barbudo sería a historia do monumento e as súas vicisitudes, a serpe o momento da decisión e os fillos que se axitan a cada un dos lados Ruskin e Viollet-Le-Duc teimando por dúas posturas irreconciliables e totalmente opostas.

As posturas destes dous grandes mestres e intelectuais foron dialécticas e confrontadas na súa época, e que a natureza dos seus argumentos e a súa validez pasaba pola ruína das do contraria.
Mais resulta evidente que, por convivencia no tempo e polos feitos que demostra a historia posterior e a nosa realidade actual, as súas opcións son dedos dunha mesma man, teorías irrenunciables que hoxe o restaurador perante a serpe da decisión é quen de compaxinar.

Viollet-Le-Duc representa a un técnico da nova xeneración, da nova xeneración do século XIX, que decide prescindir da formación académica e aprender directamente das fontes e do traballo práctico. É o construtor dunha obra de magnífico nivel intelectual, o Dicionario Razoado da Arquitectura Francesa, e un técnico confiado plenamente nas súas enormes facultades, no seu enxeño e na súa capacidade de discernimento. Si ben é certo que no seu achegamento á problemática da arquitectura, e mesmo no seu nivel ensaístico ou na pintura, emprega un método de aproximación sucesiva e de coñecemento previo, tamén resulta evidente que ao remate as súas posicións emotivas, próximas á arquitectura nacional francesa, o gótico, e ao propio racionalismo e anti-academicismo co que se forma, tinxen as súas solucións e determinacións. A pesar de todo, a xustificación da superioridade dende o punto de vista técnico e estético dun momento histórico sobre outro marca a liña de fronteira coa modernidade

Deseño da Torre da Poterna de Santo Nazario. Carcassone. Viollet-Le-Duc



Pero a súa posición é, baixo das premisas coas que traballa, coherente. O concepto da forma prístina, da repristinización, da unidade de estilo é froito da reflexión profunda, dun xeito de transmutación, de actor do método. Introducirse na personaxe do autor do edificio, descubrir a súa verdadeira vontade, sacala á luz e, cos coñecementos que se teñen adquirido, coa posición de privilexio que supón observar o monumento dende trescentos anos de distancia, a posibilidade de comprobar noutros edificios, de testar o ensaio e o erro. A postura é de tan coherente e tan pura no ámbito teórico que ten que ser inaplicable na realidade.

Calquera monumento, aínda que careza de moitas das súas partes, pode ser reconstruído pola coherencia e unidade de estilo. Este non é un argumento meramente abstracto. Non hai que esquecer a inmensa erudición de Viollet-Le-Duc, a exhaustiva documentación que durante anos fixo medrar, e unha capacidade e xenio fóra de dúbidas. Aínda que nos seus comezos, xa sentou as bases da necesidade do coñecemento, do estudo, do rigor.


E as súas obras foron en grande medida éxitos de público e obxecto de críticas feroces. Non sempre é factible deducir das partes o todo. E non sempre é necesario, nin aínda adecuado.

Cuestión de carácter ou cuestión de método, o programa de restauración de Viollet-Le-Duc tende a primar unha parte sobre doutra, baseado en xuízos que se consideran obxectivos e xustificados. Nin a obxectividade nin a xerarquía son nunca permanentes, pero si as construcións e as destrucións. Porén, o método de proxecto segue a ser válido, xa que pasa pola implantación paso a paso dos datos procedentes das investigacións e das necesidades. O que pode traducirse en que ás veces, ás mellores intencións só visten bonitos cadáveres.

Foi Ruskin, o seu inseparable antagonista, quen, sobre premisas idénticas, foi quen de desmontar e revirar o criterio de restauración ata o de entón triunfante. Pois a natureza do monumento no seu momento de remate, esa forma prístina, esa cidade de deus, non é algo factible na realidade. Fica no campo das ideas, pode ser unha feliz idea motriz e inspiradora, pero nunca pode converterse na liña argumental do proceso de restauración. Pola contra, John Ruskin defende que a forma ideal do edifico é a que ten exactamente no momento no que está, como reflexo de todos os acontecementos que sobre del se deron.


En todo caso parece preciso que para que chegara o intre, uns cincuenta anos despois, no que a pátina do tempo, a virtude de todas as aportacións históricas, a autenticidade e a reversibilidade, se valorasen, antes tiveron que perderse outras batallas.

Ruina Piranesiana



John Ruskin non era arquitecto, e isto hai que recordalo. Foi un excelente prosista, un magnífico crítico e un pensador brillante. A súa teórica sobre da arquitectura estaba fundamentada fundamentalmente sobre dos seus criterios estéticos e, neste eido, a confluencia con Viollet-Le-Duc era total xa que, ao igual que este, consideraba o gótico como o cumio da expresividade humana, se ben dende as premisas do ardor, a paixón e a emotividade. Ademais, era un artista de mérito na pintura, e os seus fundamentos foron acollidos por unha serie de discípulos que, ao igual que Viollet, paradoxicamente, debuxaban como Rafael debería ter debuxado… Ademais, a proposta de Ruskin da intocabilidade da ruína no momento en que nos chega parte tamén de premisas de superioridade xerárquica: a superioridade do romanticismo e da moralidade, o que é tamén cuestionable. A vida de Ruskin é unha tarefa romántica en si mesma, e a súa proposta radical igual de irrealizable que a francesa.

Deixar que os edificios morran en paz… Supoño que sería difícil camiñar no futuro entre dunha chea de dignos cadáveres arquitectónicos. Aínda que é certo que a ruína produce un paisaxe evocador e nostálxico que se cadra en determinadas é o máis adecuado para a conservación do que ata o día de hoxe chegou, coa muletas que precise.

As dúas posturas expresadas nos seus comezos, expresadas en termos absolutos, iniciais e teóricos, son polémicas e incompatibles. Pola contra, peneiradas por un século de desenvolvemento teórico, de ensaios e probas, de alternativas, de criterios de sustentabilidade e de expectativas de rendibilidade, as dúas situacións poden ser factibles no momento de acometer unha restauración, nun xeito de RESTAURO PRAGMÁTICO, que nace co século XXI, que xa non precisa de máis xustificación, nin de mais teorías, nin de propostas lexislativas, nin de reclamacións gremiais, esixencias profesionais ou presións ambientais, que é sinxelo, claro e sempre distinto, que non parte da aplicación dun método nin ten aspiracións de ser bandeira de nada, que pretende servir a todos e que todos atopen significados nel.


Así que neste punto acaba, onde outros empezan. Quíxose presentar un panorama amplo que amosara unha situación real da Restauración previa ao nacemento teórico que sempre se data no século XIX. A posterior evolución italiana e mundial da teoría, os acordos e cartas intercontinentais do século problemático e febril, son unha cuestión ampla e interesante que non pode resolverse, por cercanía e vixencia, cunha vista xeral como a que se ven de facer.

domingo, 2 de mayo de 2010

CONCEPTO DO PATRIMONIO CULTURAL


PRIMEIROS ACHEGAMENTOS

Dende que as comunidades humanas comezaron a construír, ou cando menos un tempo despois, comezaron a manter, conservar e restaurar, e de aló a un pouco, a rehabilitar, demoler e reconstruír. A economía de medios e a optimización dos escasos recursos dispoñíbeis non permitirían outra cousa. Tamén é certo, e resulta evidente, que o progreso, e máis que o progreso, o crecemento e as novas necesidades, fixeron sempre que fora imprescindible renunciar a unha parte do que foi para darlle paso ao que ten que vir. Todas as especies no seu hábitat teñen que comportarse deste xeito para sobrevivir, é unha cuestión de ecoloxía.

Por outra banda, no seu crecemento imparable, as comunidades humanas sempre tiveron a necesidade de manter unha referencia, un fito común, un símbolo. A complexidade dos símbolos e das súas representacións e ritos é un tecido extenso e marabilloso que define de forma singular a cada unha desas comunidades. A cuestión da identidade é unha cuestión de humanidade.

Cando un ídolo familiar, ou un pequeno tesouro pasa dos pais aos fillos, e así por xeracións, ou de mestres a discípulos, ou entre os garantes da ortodoxia e do favor dos deuses, ou mesmo os máis fermosos produtos do roubo e do espolio, cando pasa o tempo fanse vellos, e poden deteriorarse. Nese intre nace a restauración: o valor implícito do ben debe manterse, debe permanecer no tempo mentres o seu significado se conserve, e ademais debe conservarse, de seguro, mantendo o rito apropiado. Ao longo do tempo varía o obxecto de predilección e os xeitos para a súa conservación, pero a intervención de hoxe sobre un ben integrante do Patrimonio Cultural é a mesma cousa. Sigfried Giedion defende que, de forma permanente no tempo, permanecen os símbolos e varían os seus significados. Tamén este é unha visión aplicable á teoría da Restauración actual. E tamén, como nos casos anteriores, é un feito permanente.

Enténdese polo tanto que dende os primeiros artefactos, a conservación e a restauración existen, existen os bens de valor cultural e mesmo, de seguro, dende os primeiros trazos nas pedras, ou na propia pele, existe un criterio, mellor que outro, para facer as cousas. E aínda que na práctica actual dunha disciplina científica da restauración sexa difícil recoñecer lugares comúns cos ancestrais ritos tribais, de seguro que a vontade de reafirmación, a busca da propia identidade é a mesma.


Pinturas corporais rituais, empregando instrumental auxiliar contemporáneo

Se ben semella claro que a restauración é un proceso permanente na historia da creación humana, o obxecto restaurado, ou mesmo o obxectivo final da restauración, marcan a súa evolución e progreso, en acordo coa evolución da complexidade da sociedade que a promove. Paradoxicamente, non é factible seguir unha lectura de progreso permanente, dun continuo desenvolvemento espiritual. É certo que a problemática é meirande en termos cuantitativos, e que a superación de determinados ámbitos de magnitude supoñen en ocasións a configuración dunha masa crítica coa que o problema varía tamén nas súas premisas.


As condicións que impoñen sobre a protección e conservación do patrimonio cultural a presión do mercado económico do solo en detrimento dos bens, ou a transcendencia, se cadra hipertrofiada, na opinión pública dos xuízos de valor feitos por diletantes e afeccionados, en ocasións mesmo realizadas de xeito inocente, son termos absolutos que só poden ter efectividade a través dos mass media e dunha masa bruta social sometida á inercia que provocan milleiros de consumidores potenciais.


Neste eido, a situación non semella máis elevada, superior ou evolucionada hoxe en día que no pasado, e non parece que o aggiornamento romano do Papa Sixto V no século XVI sexa inferior en espírito, ambición e nobreza que o esforzo en conseguir declaracións universais ou mundiais para monumentos cun fin utilitario e de autopromoción, en detrimento mesmo da súa protección e coñecemento. Sixto V, se ben non será un exemplo de respecto na lectura da importancia e relevancia da ruína clásica, si foi quen de ler unha liña de beleza universal, e, no momento en que as vantaxes dunha situación de poder permitían practicamente a toma de calquera decisión, como Haussman trescentos anos despois en París, como San Petersburgo, ou Ferrol, ou Barcelona, por riba do grande racionalismo, e pragmatismo, mesmo necesidade política, destas operacións, está o traballo perfeccionista, a creación da obra de arte por riba de todo.

Obelisco da Piazza del Popolo colocado por Domenico Fontana para Sixto V. O deseño da praza é moi posterior


Este xeito de fagocitación espiritual que se produce dos símbolos, por riba mesmo da súa beleza intrínseca, do universal da súa proposta artística, é máis intemporal que a arte mesma. Do mesmo xeito que no seu día Ramsés II fixo medrar da terra a súa aspiración de chegar ao ceo en Heliópolis, como despois o que había de ser emperador romano, Augusto, confiando na maxia do mesmo rito transporta un obxecto imposible coma un trofeo grotesco á espiña do Circo Máximo, Sixto V marca os centros neurálxicos da súa construción, unha armadura de ouro co peso de toda a historia coñecida. Mesmo contemporaneamente, o propio Mussolini, á sombra dun vello imperio que cría estar comezando a reconstruír, transporta un novo obelisco de Axum (Etiopía) ás proximidades do Circo Máximo, operación vergoñenta que tardou máis de 70 anos en ser refeita, nunha data tan escandalosamente próxima como en 2005, e só despois de ficar no chan feita anacos.

O obelisco de Axum nas proximidades do Circo Máximo, ao fondo


A interpretación do que pode ser considerado restauración dende a óptica actual, ou o que pode ser un ben de valor cultural, pode non corresponder academicamente punto por punto cos feitos do pasado. Se cadra é un proceso de ida e volta. O camiño que leva do espiritual ao material, que se repite en virtude das circunstancias económicas e sociais.

Para o xestor e o administrador do pasado, o valor cultural asimílase de forma consciente co ritual e co místico, xa que é o que permite manter o estatus quo. A cuestión da identidade que permanece incluso no punto primeiro do primeiro artigo da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Por outra banda, a reciclaxe material que unhas culturas impoñen sobre os restos das sociedades vencidas, mesmo do propio pasado vencido, si parece unha practica abandonada … se obviamos que construír unha catedral sobre unha mesquita construída sobre dos restos dun templo prerrománico erixido cos restos de elementos construtivos romanos pode ser considerado un xeito de rehabilitación extrema, da que non estamos ás veces tan lonxanos.


Vista de conxunto da Mezquita de Córdoba


Castelo de Peñafiel (Valladolid) convertido en Museo Provincial do Viño


CaixaForum en Madrid



Queda, por outra banda, o proceso pequeno, o de curto alcance histórico, o que non forma parte das haxiografías e das epopeas. Tamén é habitual a doutrinal pola que o grande cambio social que se produce no eido da restauración é cando se pasa da valoración dos fitos á valoración do tecido ambiental, da casa popular, da construción.

Aceptase que regulamentariamente se introducen estes conceptos coa Declaración de Amsterdam ou a Carta Europea do Patrimonio Arquitectónico de 1975, ou un pouco antes na Carta de venecia de 1964, ou se cadra na primeira Carta de Atenas, a do Restauro ou a do CIAM, ou non antes de Camillo Sitte e das súas fórmulas para a Construción de cidades segundo criterios artísticos, que xa era un best-seller a remates do século XIX… Bruno Zevi cita a Leonardo Da Vinci, que xa avanzara este pensamento:


Nas indagacións sobre a arquitectura “menor” descubríronse, certamente, cabanas de pastores, celeiros, refuxios de montaña e demais, que teñen efectiva validez artística; nestes casos case non hai problema de método, trátase de lexitimalos na historia arquitectónica ampliando o seu radio de acción e lembrando a admirable observación de Leonardo: “as estancias, ou en verdade as vivendas pequenas, están cheas de enxeño, non así as grandes...”


E mirando máis para atrás, na busca da orixe, se cadra tamén Hipódamo de Mileto era da opinión de que unha cidade non se constrúe ao redor dunha acrópole, ou da semente dun acontecemento divino ou místico, senón da masa viva de rúas eficientes e casas suficientes, e que na sabedoría do que sabe ver a chuvia na raia do solpor está a razón para a mellor localización. Non hai outra explicación que sirva eficientemente á xustificación de que unha cidade se reconstrúa unha e outra vez por máis de tres mil anos no mesmo lugar.

Esquemas das sucesivas implantacións da cidade de Troia


Todos estes procesos, que somos quen de seguir ao longo de toda a historia e en todas as súas formas, alcances, técnicas e mesmo obxectivos, achéganos cara a idea de que a Restauración dos bens culturais e un proceso coa mesma lonxevidade que a propia creación. A restauración, por riba dos criterios eficientes e económicos, sempre terá unha importante parte sentimental. E a compresión de que en cada artefacto, en cada construción ou creación artística existe unha parte da humanidade, do que foi no pasado e o que quixo ser para o futuro. E a restauración é a coroa de loureiro que ennobrece de entre todas as cousas aquelas máis fermosas, máis puras e mellores. Ou as máis útiles.




domingo, 28 de febrero de 2010

RETARATOS 2002 (II)





Remexendo nos papeis apareceron algún máis dos retratos que fixera polo 2002, cando estaba a rematar o meu desterro en calzoncillos na miña habitación, proceso de purificación de case un ano e medio que acabou co meu corpo e a miña cabeza no chollo que agora me mantén. O que é a vida, lembro cada un dos trazos que debuxei, pero apenas nada do que me metía na cabeza neses días. Son debuxos feitos con pilot e con Stabilo fino 0.4 de cor, en papel de cor. Atopei dous que son diferentes e que teñen a súa historia: o de cor en papel normal reciclado (por min, en A-4 que usaba para repetir palabras), está feito con lápices faber castell e bolígrafo, é o dobre autorretrato é pilot en cartulina. Estes tiñan un poema detrás, cousas miñas...



Todo o que fixemos nalgun momento nalgures queda para sempre en nós, eso é evidente, pero o que máis me surprende é que xa estaba antes en nós, antes de que saíra, coma o ovo na galiña... esa é a marabilla da creación, creo.






Autorretratos 2002. Lupe e Juan

miércoles, 10 de febrero de 2010

DESCRICIÓN DUNHA FLOR BRANCA NA ERVA




Non teño tempo para avaliar todos os datos que entran na miña cabeza. A miña imaxinación está centrada só nos pequenos detalles cotiás que son na meirande parte precisos para a miña supervivencia.

Son quen de explicar mellor os meus sentimentos que o meu contorno, ou que o tempo. Comprendo vagamente os conceptos de lugar e de distancia, o percorrido temporal e as viaxes da luz coma onda e coma materia. Pero todo iso non abonda, porque o que quero explicar é como son as flores que arrinco da terra.

Quero deixar a testemuña exacta de cal era a súa realidade antes de min, de tal forma que cando fale delas poida formarse na imaxinación dos outros esta fermosa estampa que eu vexo con tanta claridade.

Todo iso non ten moita importancia en aparencia, pero resulta moi atractivo ser escoitado pola xente que evoca con paciencia.

A friaxe e os esbirros son un explícito decorado que por outra banda confunden o quero dicir. Pero me confunden mais aínda as cousas que non son quen de detectar de modo inconsciente, porque entran todas ao tempo, sons e sensacións dunha xeira enteira que me pasa, sen eu ser dela.

Lembrar un día enteiro con toda a precisión necesaria como para non trabucarme pode levarme moito máis dun día. Si entrara nese bucle non daría saído nunca. E non ten tanta importancia.

Cales son as cousas necesarias e cales son as prescindibles? Esta pregunta ten moita utilidade para os comerciantes, para os fuxidos e para os filósofos, por razóns diferentes. Para min en primeiro lugar abondaría con avaliar a miña necesidade máis inmediata, e como case que todas as cousas,... non teño que pensar para activar os pulmóns en cada respiración, agás cando penso que o teño que pensar.

Por moito chollo que dea, arrincar a flor da terra pode salvar unha colleita. Para o labrego que arrinca de cada pedra o bafo da vida, é mellor o esforzo proveitoso que o mal fermoso.

Para min, que o intre é todo, e que canto máis intenso máis profundo se marca na memoria, a flor branca na erva é como a sombra do ar, unha entelequia absurda pero necesaria... porque nin todas as necesidades son lóxicas nin todas as verdades coherentes.

domingo, 10 de enero de 2010

VIAXE A LISBOA 2009 (I)


Bárrio Alto de Lisboa. Xuño de 2004

Nesta viaxe deste ano a Lisboa, antes de botar uns días en Madeira de vacacións, ensaiei algo do que tiña moitas ganas: facer anotacións nun caderniño de pastas negras, e esvelto, aló no propio lugar.
Xa pasaron cinco meses desta viaxe e cinco anos da outra derradeira, e despois de volver ler as notas, paseniño e con compracencia, confirmei que é un exercicio moi interesante para min, e que paga a pena: por unha banda os momentos aqueles de escritura no sitio axudaronme a un coñecemento mais maino e relaxado, a un complemento na forma de mirar e de escoitar; por outra, a lectura de agora daquelas notas, deitado ou sentado, alimentou e aproveitoulle á miña memoria, e os sentimentos que se rescatan da lembranza, con acenos cómplices e miraxes cos ollos pechos, son sentimentos diferentes, máis longos e barrocos.

O GATO DE SCHRÖDINGER

As plantas medran, móvense as follas para o sol e rematan por secar co tempo. De cote as cousas suceden da forma na que se pode esperar. Pero noutras veces as cousas pasan ao contrario, de forma inesperada ou sorprendente, e parecen unha tolemia ou un xeito de maxia. A distancia da lembranza permite escurecer o panorama e o foco, de tal xeito que o que é dunha forma pode ser da contraria, ou o que empeza pode estar no medio e o final no principio. Por iso a lembranza é tan atractiva e sempre volveremos todos para ela, aínda por riba dos recordos que sexan mais evidentes.


As fotografías, os libros e as poesías que se escriben poderían semellar tixolos de lama dura para encerrar sen erros as imaxes e os acontecementos desas nosas viaxes. Isto dígoo por si acaso se puidera pensar que daquela, se escribimos nas viaxes nosas, estaremos traballando contra da maxia da memoria e a posibilidade de desordenar e inventar un pouco, de mellorar cun lixeiro trapo de fío o brillo das pratas da memoria. Pode ser certo. Para garantir unha escrita libre do peso da tinta impresa, basta con escribir exactamente todo o que pensemos. Só no momento en que un color chega ao fondo do ollo é posible dubidar entre o verde ou o amarelo, e tratase de decidir despois. Unha vez decidido, podemos trocar de impresión, pero só nese mesmo intre é cando as dúas opcións poden existir de forma simultánea.

É o paradoxo de Schrödinger no que as condicións se establecen coma premisas: a observación da realidade transforma o equilibrio do sistema... Non entendo da mecánica cuántica, pero si algo de probabilidades: as diferentes opcións para unha pregunta fan máis completa e xenerosa a súa proposta que a súa resposta, e na mesma medida que medran as posibilidades de equivocarse, tamén crece o coñecemento da súa realidade.

E a natureza non é cuestión de adiviñas, supoño.

Sobre o tema do paradoxo de Schrödinger pódese mirar esto, pero facede o esforzo de non crer que existe unha solución ou que o problema se establece de xeito moral ou sociolóxico: o observador non é esencial, trátase de establecer unha natureza homoxénea para a materia como simplemente ondas: http://www.neoteo.com/la-paradoja-del-gato-de-schrodinger.neo


A VIAXE DO PRIMEIRO DÍA

Marchamos cedo (non moi cedo) e anubados (abondo) e xa no primeiro non evitamos encontrarnos con dous tolos da estrada de preto. Falar de como se espetan estes criminais ata pode darlles certa épica ás súas fazañas... Así que miramos para diante para deixar o susto e non facer máis callo no corpo.


Agora mesmo xa estou aló como estabamos hai cinco anos... o sol no chan branco e a area longa de Tavira. Nas viaxes todo é máis alto, máis belo e brilla máis. Tamén na memoria. Pola contra a realidade teima sempre por facer as cousas máis claras, con olor e outras matizacións, e adoita sorprender con mágoas e cativeces. Moitas das cousas que están á vista preséntanse como aneis de avalorios lustrosos, pero por dentro chove, cheiran e apodrecen, como calquera outra cousa, e é así como ten que ser.

Praia da Illa de Tavira. Xuño de 2004

As áreas de servizo están ateigadas ata o abarrote máis completo... e non por seren pequenas ou escasas. Esta é a costume. Nin pequenas nin baratas, pero aqui tolean polo sitio á sombra, comen os bocadillos á beira do coche e acaban coas existencias do self-service. Prepárase para fora. Fieiras nos baños, para o café, para coller e para levar e para saír de novo á estrada. Cada día somos máis o mesmo, aínda que aqui teñen bola de arroz e Ice-Tea Pêssego.

Disque o futuro está nos novos... é de esperar que sexamos quen de ver a responsabilidade grosa que implican os cativos para todos. Non son moi útiles as verdades e as consignas que marcan os camiños para os demais e que quedan altas para nós. Cada un co seu fillo que constrúa un futuro... e aqui nas estacións de servizo hai moito neno do que coidar.


E chegamos ao hotel nos Armazens do Chiado sen outro desvío que o que provoca un tranvía ao que se lle saiu a pértiga da catenaria.


Armazens do Chiado. Hotel e Centro Comercial

viernes, 1 de enero de 2010

O REGRESO DO INDIANO


O óleo é o Regreso do indiano de Castelao, do ano 1918. É propiedade da Colección Caixanova, polo que supoño que os que teñades conta na Caixa do sur seredes algo donos del. No meu cuarto ficaría pintiparado, xa que mide dous metros de alto, por catro de longo.

Sempre me vin como o neno de detrás do muro, que pensa nalgo... Con quen querería falar, co home de traxe limpo e cara retorta ou co labrego de lombo quebrado? Ao lonxe sube polo camiño unha parella e unha rolda de xente que levan as cousas do indiano ao lombo, de seguro os pais do neno tamén, que han de ter as respostas... pero non é máis interesante escoitar ás agachadas? Así se aprenden as inconveniencias que son o alimento dos anos. Gustaría de saber se hoxe aínda é posible agocharse no acubillo do neno, sexa onde sexa. Xa non quedan deses pinos... nin se usan eses sombreiros. Pero tiña gana de falar, e de empezar a falar:

Para empezar a falar cada quen emprega un mecanismo automatizado que se prende no cerebro para axilizar os procesos comprometidos, os que esixen dunha decisión, desto en troques do outro. Empezar a falar é unha fazaña arriscada: hai que confiar no ton axeitado, evitar o carraspexo, deixarse nas mans da primeira verba, no efecto do seu impacto e na lonxitude da súa onda, propoñer a intensidade óptima para chegar ao contorno eficaz. Eu carezo dese mecanismo, e para comezar a falar abonda para min con escribir, que é o mesmo que dicir que para empezar a voar abonda para min con limpar o nariz.

Nunca tiven unha frase de entrada, nin unha táctica nin unha estratexia, nunca asinei o meu carácter nin ensaiei diante dun espello. Non é que iso sexa mellor, pero é o que hai. Os accesos directos ás funcións mais cotiás son un progreso evolutivo nas relacións sociais, permiten optimizar os encontros e deixar mais fresca a tenrura e o encanto para os achádegos de máis valor.

Pero non abonda con iso para todos. Hai tempo que veño a meditar en como se da un primeiro paso, cal é o motivo para dalo, onde e cara onde, como e para que. Todas as preguntas son igual de importantes, pero resulta un misterio para min, e é a miña meirande preocupación: Como se produce o momento da creación, como se pasa de onde non hai para onde hai...

Na nosa vida case que todo ten unha ruta de acontecementos que empeza en nos e remata na orixe do universo, pero o camiño é tan longo coma o que lles queda aos labregos para levar o arcón do indiano...