Buscar neste blog

Mostrando entradas con la etiqueta Lisboa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lisboa. Mostrar todas las entradas

lunes, 1 de febrero de 2010

VIAXE A LISBOA 2009 (III)

Chiado e Alfama...



O Hotel do Chiado está moi ben situado, é moi cómodo, limpo. Nas habitacións a decoración é sinxela e tamén nos corredores. A peza é moi ampla e ten moito servizo, e as vistas son de espectáculo. Aínda así ao meternos esta noite dame a impresión que algo lle falta: unha entrada, nos corredores, na decoración... Algo así como si lle faltara o toque de excelencia. Todos os traballadores son rapaces moi novos e ás veces da a impresión de que andan un tanto ao seu.


En fin, cada un ten as súas limitacións e as súas carencias. Algúns temos ademais fallas das que nos costa tomar a corda. Por outra banda, sempre, eu penso así, sempre hai que procurar a execelencia, coma parte do proceso e xa dende o primeiro. En todo hai formas de excelencia, dentro dos nosos límites. O produto final ten que ser interesante e atrativo, pero non como obxectivo, senon como parte constitutiva do seu proceso creativo... A ver a cafetería.


O sol entra ao mencer diretamente por riba do Castelo, aliñado coas rúas da Baixa, por unha fiestra de 3 metros de alto, que é o mellor dos cuadros da habitación.



Unha cousa máis do Bárrio Alto: penso que pode ser moi axeitada a aposta polo visual e estético dende o punto de vista comercial. Tiña pensado si este ambiente é propicio para a creación, pero acho que non especialmente. Case todo o produto que vin é produto internacional. Mais este tipo de posicionamento é xa de por si unha actitude atrativa e interesante, acode á curiosidade e ao hedonismo. Desto é dificil aburrirse e sempre se repite. E pretender que os visitantes volten entendo que é sempre unha boa aspiración. Dende logo o panorama de que en Lisboa hai xenio e que se está a crear si é quen de xerar momentos mais propicios e condicións favorables para o artista e para o seu comerciante. Non son da opinión de que o artista crea da fame...



A planta alta do hotel é unha delicia. As suites prolónganse cara a cidade coa súa terraciña... e logo a sala de almorzos e a cafetería enmarcan un ambiente espectacular co oco á toda a altura que entra ademáis no espazo organizando unha proa de barco sobre a Baixa. E un na súa mesiña, ou medio soterrado nos coxíns de fío oriental, navega despreocupado... como sempre pensou que navegarían os rentistas ociosos nos seus veleiros.

E canto sol! ata dentro mesmo pele. Un lugar perfecto deseñado á semellanza da natureza, coma a sombra dunha árbore centenaria no cumio dun outeiriño pequeno: para botar o día á ler, mirando para o redor de cando en cando e só de esguello, en reposta a unha lufada de vento morno, a unha caricia de luz sobre o pescozo e os ombreiros, ou a un sutil e paseniño paso dunha abella.

http://www.hoteldochiado.com/es/photogallery.html

Para pasear o domingo no Chiado encargamos un bo sol e un ambiente tranquilo, e aforramos uns cartiños coa visita gratuita ao Museu do Chiado, un espazo industrial (un antigo convento urban e que ademais de centro de produción pasou por ser un dos primeiros museos de arte contemporánea) rehabilitado con xenio, con moita variedade de circulacións. Un magnífico edificio de ostentosas estruturas de fábrica que ao pouco pasaría dunha panadería, ou do taller dun ferreiro, e así, asemade, cheo de dignidade e orgullo. Bótase en falla información sobre a orixe e evolución da casa, para os que non somos moi agudos ao interpretar a cantidade de cicatrices na súa cara nin as pegadas do que pasou na area do seu piso.

O que ten o museo, por riba do que é e de como se conta agora, son coleccións interesantes de pintura e escultura, que ao tempo son caracter e retrato de Lisboa, retratos de preto, íntimos, familiares. Ao primeiro xulgaramos que a exposición non era espectacular (se cadra máis aínda, prescindible) pero ao tempo que foi ficando na memoria, decateime de que é moi coherente, precisa e xeitosa, as pezas entretidas e agradabeis e a biblioteca modesta pero cumprida. E que está, sen dúbida, por riba incluso que o bo aproveitamento do edificio...

Sempre teño no interior un sentimento profundo de ledicia cando me contradigo a min mesmo. Esto é a interpretación literal do meu ánimo: satisfacción ao descubrir, co exercicio do pensamento, que aquelo que tiña por seguro, ou do que tiña unha opinión, o tempo e o traballo seguido de pensar e dar voltas, me leva, como follas secas no vento, a pinchicarneiros no ar, para diante e para atrás e de abaixo para arriba aos topetazos, ata outra opinión. Case sempre, ademais, ocurre máis dunha vez. Doume conta de que nunca poderei escribir unha Ética nicomaquea, ... ou se cadra sí, pero nunca sería a última.

Apuntamos da colección os nomes de Nikias Skapinakis, Jorge Vieira e especialmente o de Almada Negreiros e as súas preparacións para os frescos para as Gares Marítimas de Alcántara e da Rocha do Conde de Óbidos. Estas obras están datadas nos anos 40 e 50, pero siguen nun período longo. É un museu de orgullo. Orgullo portugués, ou máis aínda lisboeta... claro, é un museu de barrio, e non todos os barrios teñen un museu de seu.


Quintais de Lisboa. Nikias Skapinakis 1956



Gare Marítima da Rocha do Conde de Óbidos. José de Almada Negreiros 1946


Dúas cabeças. Jorge Vieira 1948



http://www.museudochiado-ipmuseus.pt/en/news

domingo, 17 de enero de 2010

VIAXE A LISBOA 2009 (II)

Un paseo arriba e abaixo...

O hotel ocupa as prantas altas dos Armazéns do Chiado, que cando estiveramos da outra volta viña de inaugurarse, cando menos as tendas; pero lembro de mirar dende o elevador de Santa Justa e ver terrazas verdes sobre o edificio... Dende a terraza da habitación tense unha boa vista, pero dende a esplanada da cafetería a estampa da Baixa resulta espantosa, e logo arriba dela o monte e o Castelo de Sâo Jorge, nunha composición clásica, unha metáfora do mundo humano abaixo e o mundo celestial por riba, divididos simplemente pola liña do horizonte.






Por todo moita xente e o movemento en fervenza de lotes de turistas e máis aínda de lisboetas. As cidades grandes e as cidades coma esta, e tamén as cidades pequenas,... case todos os lugares, son máis dun mundo igual que de ningún país. Claro, sobre todo aquí, pero tamén en menor medida nos lugares máis apartados. En Salta ou Jujui e en Nova Caledonia do Sur coñecen a Cristiano Ronaldo, e tamén Coca-Cola. Isto tampouco é que sexa un grande descubrimento, pero cada un que viaxa busca isto e o outro para situarse. Para min Lisboa píntase de rasgos exóticos e peiteados modernitos, tendas fashion e moita enerxía. A fortuna desta cidade é poder camiñar sen ter que buscar nada en concreto. Subimos bordenado o Bárrio Alto pola rúa Misericórdia cara o Miradouro de Alcántara, no que unha fonte grande de auga filtra no ar a luz con rítmicos escintilos. Unha grande dinámica.




Os quiosques da esplanada son sinaturas de xenio e luxo dos primeiros anos do século XX, deseños que por ser certos non morren. É a Esplanada do Príncipe Real. Non podemos entrar agora ao Reservatorio, que promete un espazo de alturas de vertixe e máquinas mortas envoltas nas luces palpebrexantes que atravesan a auga. En todo caso, si compensa a camiñada para disfrutar do sombra espesa do texo, espectacular, figura sobrenatural do pesado sobre o lixeiro, a pérgola exhausta de varas e postes efémeros que sosteñen o peso infinito da natureza, toda en follas e polas. Na curva das mesas do quiosque da esplanada compartimos bebida coas pombas e unha lixeira bafa de ar fresca. A luz de novo escintila entre as follas das árbores, coma sempre ten que pasar nos lugares agradabeis pensados para o lecer.




No camiño entre o Miradouro de Alcántara e o Príncipe Real, a cidade estase a inventar na liña maestra do que quere ser. E faino con convicción e traballo duro. As fachadas pintadas de cores, saturadas con actividade creativa que se amosa e que convida a pasar, ou cando menos queren que se mire para elas. Para un que ven do camiñar paseniño e das miraxes introspectivas, os exhibicionismos coma estes e os andares farrucos póñenme respecto. Cada un é de onde quere ser, e por iso pode disimularse o xeito de falar e mesmo as formas de moverse, mesmo as máis ancestrais. Non todos poden pero algúns si que o fan. Aqui no Bárrio Alto saben ben de onde queren ser e como é que son, e están a construír dun xeito voraz e vertixenoso, e tamén aberto e libre, a súa realidade e a casa para ela, por riba de todo o demáis, do que outros pensan e tamén do que en realidade hai. Semella esa a enerxía dos que xa non teñen nada que perder, ou dos que saben o que é perdelo todo.




No Príncipe Real as mesas marcadas con tiza verde completan o círculo dun alto magnolio, de follas grosas e case que amarelas.




Dende Príncipe Real para a Praça da Alegría na procura da entrada do Botánico. Cando menos es porta está fechada (está sempre pechada). Mais nesta baixada un mergúllase literalmente en bafadas e vapores de cociñas exóticas, nas que ficar pode supor vencer melindres e atavismos. De seguido á volta polo Rossío e subimos de novo para o Chiado. Botamos un anaco na Praça Luis de Camôes, a mirar para a xente sentada e para a xente que pasa:

  • Un músico branco fraquiño coma un pau, con roupas africanas, revólvese no ar e no chan xunto cun músico negro vellouco con gorra de troba cubana, entre medios dunha çitar pesada e un xilófono de madeira. Máis que xuntos están enfrentados como dúas cabras de grandes cornos, tentando o ar, rifando polo sitio.

  • Unha parella e máis outra rapariga tragan dunha mesma cervexa de litro nos chanzos pegañentos do pedestal da escultura, rindo para fóra e para a xente do quiosque.

  • Unha mociña en camiseta mira para o noso banco porque no seu, seica, o ordenador portátil que leva no colo non engancha ben na wifi.

  • Unha vespa negra vella de dous asentos, e unha vermella máis grande que ningunha outra que vira antes, e agardan deitadas e mansiñas á saída do metro.

  • De costas tranvías turísticos vermellos e amarelos que son a base rítmica do repertorio sonoro do Chiado.


Ao chegar a hora, subimos por unha e outra rúa do Bárrio Alto, cheas de negocios moi ben postiños. Locais pequenos, modernos, orixinais, con obxectos moi apetecibles para xente nova: zapatillas, camisetas,... roupa en xeral e moita pose, decoración e iniciativa. Negocios que superan a miña capacidade de comprensión, pero que se por existir xa tiñan que ter o dereito á subsidiación administrativa, pois son paradas atractivas que conforman un xeito de Disney World de altas aspiracións, e un óptimo concepto de si mesma. Ao seguir subindo, as tendiñas conviven cun lote de restaurantes típicos (estes de tipismo previo, algo que xa ven de antes) e locais pechados que son a ameaza dos festexeiros de día completo. Para ser xustos, en todo caso, de todos os "parques de enredo" que poida coñecer, este destaca polo seu esforzo de autenticidade, variedade, proposta, implicación, deseño e marca singular de tradición con aspiracións de universalidade. Un xogo para o que paga a pena sacar as fichas. E parece que os empregados son honrados e cren no sistema.



domingo, 10 de enero de 2010

VIAXE A LISBOA 2009 (I)


Bárrio Alto de Lisboa. Xuño de 2004

Nesta viaxe deste ano a Lisboa, antes de botar uns días en Madeira de vacacións, ensaiei algo do que tiña moitas ganas: facer anotacións nun caderniño de pastas negras, e esvelto, aló no propio lugar.
Xa pasaron cinco meses desta viaxe e cinco anos da outra derradeira, e despois de volver ler as notas, paseniño e con compracencia, confirmei que é un exercicio moi interesante para min, e que paga a pena: por unha banda os momentos aqueles de escritura no sitio axudaronme a un coñecemento mais maino e relaxado, a un complemento na forma de mirar e de escoitar; por outra, a lectura de agora daquelas notas, deitado ou sentado, alimentou e aproveitoulle á miña memoria, e os sentimentos que se rescatan da lembranza, con acenos cómplices e miraxes cos ollos pechos, son sentimentos diferentes, máis longos e barrocos.

O GATO DE SCHRÖDINGER

As plantas medran, móvense as follas para o sol e rematan por secar co tempo. De cote as cousas suceden da forma na que se pode esperar. Pero noutras veces as cousas pasan ao contrario, de forma inesperada ou sorprendente, e parecen unha tolemia ou un xeito de maxia. A distancia da lembranza permite escurecer o panorama e o foco, de tal xeito que o que é dunha forma pode ser da contraria, ou o que empeza pode estar no medio e o final no principio. Por iso a lembranza é tan atractiva e sempre volveremos todos para ela, aínda por riba dos recordos que sexan mais evidentes.


As fotografías, os libros e as poesías que se escriben poderían semellar tixolos de lama dura para encerrar sen erros as imaxes e os acontecementos desas nosas viaxes. Isto dígoo por si acaso se puidera pensar que daquela, se escribimos nas viaxes nosas, estaremos traballando contra da maxia da memoria e a posibilidade de desordenar e inventar un pouco, de mellorar cun lixeiro trapo de fío o brillo das pratas da memoria. Pode ser certo. Para garantir unha escrita libre do peso da tinta impresa, basta con escribir exactamente todo o que pensemos. Só no momento en que un color chega ao fondo do ollo é posible dubidar entre o verde ou o amarelo, e tratase de decidir despois. Unha vez decidido, podemos trocar de impresión, pero só nese mesmo intre é cando as dúas opcións poden existir de forma simultánea.

É o paradoxo de Schrödinger no que as condicións se establecen coma premisas: a observación da realidade transforma o equilibrio do sistema... Non entendo da mecánica cuántica, pero si algo de probabilidades: as diferentes opcións para unha pregunta fan máis completa e xenerosa a súa proposta que a súa resposta, e na mesma medida que medran as posibilidades de equivocarse, tamén crece o coñecemento da súa realidade.

E a natureza non é cuestión de adiviñas, supoño.

Sobre o tema do paradoxo de Schrödinger pódese mirar esto, pero facede o esforzo de non crer que existe unha solución ou que o problema se establece de xeito moral ou sociolóxico: o observador non é esencial, trátase de establecer unha natureza homoxénea para a materia como simplemente ondas: http://www.neoteo.com/la-paradoja-del-gato-de-schrodinger.neo


A VIAXE DO PRIMEIRO DÍA

Marchamos cedo (non moi cedo) e anubados (abondo) e xa no primeiro non evitamos encontrarnos con dous tolos da estrada de preto. Falar de como se espetan estes criminais ata pode darlles certa épica ás súas fazañas... Así que miramos para diante para deixar o susto e non facer máis callo no corpo.


Agora mesmo xa estou aló como estabamos hai cinco anos... o sol no chan branco e a area longa de Tavira. Nas viaxes todo é máis alto, máis belo e brilla máis. Tamén na memoria. Pola contra a realidade teima sempre por facer as cousas máis claras, con olor e outras matizacións, e adoita sorprender con mágoas e cativeces. Moitas das cousas que están á vista preséntanse como aneis de avalorios lustrosos, pero por dentro chove, cheiran e apodrecen, como calquera outra cousa, e é así como ten que ser.

Praia da Illa de Tavira. Xuño de 2004

As áreas de servizo están ateigadas ata o abarrote máis completo... e non por seren pequenas ou escasas. Esta é a costume. Nin pequenas nin baratas, pero aqui tolean polo sitio á sombra, comen os bocadillos á beira do coche e acaban coas existencias do self-service. Prepárase para fora. Fieiras nos baños, para o café, para coller e para levar e para saír de novo á estrada. Cada día somos máis o mesmo, aínda que aqui teñen bola de arroz e Ice-Tea Pêssego.

Disque o futuro está nos novos... é de esperar que sexamos quen de ver a responsabilidade grosa que implican os cativos para todos. Non son moi útiles as verdades e as consignas que marcan os camiños para os demais e que quedan altas para nós. Cada un co seu fillo que constrúa un futuro... e aqui nas estacións de servizo hai moito neno do que coidar.


E chegamos ao hotel nos Armazens do Chiado sen outro desvío que o que provoca un tranvía ao que se lle saiu a pértiga da catenaria.


Armazens do Chiado. Hotel e Centro Comercial