Buscar neste blog

sábado, 8 de mayo de 2010

PRIMEIRAS EXPERIENCIAS ATA O RENACEMENTO


A restauración como disciplina científica ten un curto percorrido histórico, aínda que, como se ven de ver, existen numerosos e amplos exemplos ao longo da historia. Incluso dende unha mesma óptica que a actual, a restauración de bens pertencentes ao patrimonio cultural é unha práctica con miles de anos de antigüidade. Dende a súa compoñente artesanal, é obvio que todo o que pagaba a pena ser conservado debería ser periodicamente restaurado. A conservación de monumentos implica primeiro a constancia no seu mantemento.


Entre dos achados de obxectos precolombinos, existen cuncas e outros recipientes rituais que posúen mostras inequívocas do seu uso e reparacións sucesivas ao longo do tempo de vida útil.


Incensario Tláloc Estilo Colima




No mundo clásico romano, era moi común a realización de copias exactas e reproducións en diferentes materiais e tamaños de esculturas de procedencia helénica, pero non era menos habitual, e así consta na Historia Natural de Plinio, o desprendemento, espolio e nova colocación de murais en domus romanas.



No medievo, o proceso e a industria da creación artística teñen unha compoñente case que exclusivamente artesanal, e unha obriga estrutural pola reciclaxe e a nova utilización. O mundo clásico permanece case que completamente ignorado, e os seus restos non resultan de utilidade para unha sociedade netamente agrícola. Nas cidades, os bos artesáns tecen roupas novas, namentres que os aprendices remendan, … o que tamén se traslada para a pintura. Os manuais de masonería, e a transmisión secreta das receitas construtivas ficaban para os grandes mestres, namentres que o mantemento reproducía de xeito mimético e irreflexivo as solucións xa executadas. Aínda que non é unha cuestión especialmente significativa, este tipo de procesos explica a crenza cotiá no rural de que a obra nova e a tecnoloxía superan ao que se posúe e se repara.



Resulta moi interesante seguir o descubrimento do arte clásico despois da superación dos anos escuros, que empeza a entenderse como unha segunda natureza, o desenvolvemento dos Manuais e Códigos de boa Construción, das Manieras e do esforzo por desenterrar as evidencias do romano. Sen ter consciencia aínda do que é a restauración, comeza co Renacemento a creación da base teórica, a descrición das metodoloxías, a sistematización dos procesos. O produto antigo convertese nunha peza valorada, e como tal se reproduce, en todos os niveis, pero tamén se colecciona. No século XVI mesmo se reconstrúen obras da antigüidade, en función da súa utilidade, como o caso do acueduto de Septimio Severo. Outros edificios clásicos xa foran parcialmente adaptados ás novas necesidades, e outros irremediablemente arrasados.


O fenómeno máis interesante, máis lonxevo e máis repetido é o da refundación, un xeito de rehabilitación no que practicamente só se conservan os cimentos, namentres que o groso do material é empregado como canteira, tanto no propio lugar como na proximidade. A pervivencia das tramas e a reciclaxe do material son fenómenos que en abstracto encaixan perfectamente na definición de Brandi, na que a restauración é o proceso polo que se lle volve a eficiencia a calquera construción que sexa produto da actividade humana.


Imaxe do Teatro Marcelo


Teatro Greco de Taormina. Sicilia



Pero a restauración identitaria, a espiritual, a psicolóxica tamén está presente antes do desenvolvemento teórico da restauración. A recolocación de 13 obeliscos en puntos neurálxicos da Roma que se está a reconstruír no século XVI é tamén a busca pola restauración da grandeza de Roma, por riba mesmo e contra das súas evidencias maiores. Polos mesmos anos, o abade Tomás Fazello de Sciacca (Sicilia) percorría no lombo dunha burra os ermos da costa na busca de paisaxes que debuxar para un manual que estaba a escribir sobre dos antigos sículos, cando deu por atopar as ruínas de Selinunte, comezando a liña de futuro dunha investigación arqueolóxica de case cincocentos anos, na que se dan exemplos interesantes de teorías e prácticas diametralmente opostas.

O Renacemento supón, tamén para o eido da Restauración, unha toma de conciencia da importancia da herdanza do pasado, da súa existencia e da inmensidade das súas dimensións. O crecemento cada vez máis constante e abondoso de achados casuais e asistemáticos crea, por unha banda, un fondo material e tanxible para os argumentos da necesidade de respecto polas construcións do pasado, e por outra banda, alimenta un mercado tamén en crecemento de minorías cultas fascinadas co coleccionismo de obxectos desta procedencia. Ata tal punto que a formación dos artistas, dos canteiros e escultores, abunda na imitación da maniera antica. E como froito apetecible para os acomodados, de seguido aparecerá lexislación, isto é, penas, para os espoliadores e os que destrúen esas evidencias monumentais do pasado.

Será en Italia, como ata finais do século XX, en Roma, ao redor dos Estados Pontificios, onde se encabece na época medieval de xeito pioneiro unha regulamentación, heterodoxa e fragmentaria, pero regulamentación ao fin, sobre a necesidade de protección, coa prohibición efectiva do cotiá uso do material, dos antigos monumentos. A ferramenta máis efectiva foi a da sacralización do monumento a través da súa refundación espiritual, como lugar de oración, santuario miragreiro ou panteón de mártires e eremitas. Estas medidas introducíanse deste xeito a través da propia conciencia, por medio de Bulas e Edictos. Pero os intelectuais da época, como Petrarca, foron os verdadeiros artífices espirituais do sentimento de obriga cara grandezza degli antichi, coa constante presión sobre as elites dirixentes e espirituais.

Esta conciencia da superioridade intelectual dos pensadores do Clásico sobre a barbarie de séculos escuros, soterrados polo pó e as ruínas, é unha construción mental complexa e concienzuda feita polos pensadores, técnicos, arquitectos, artistas e demais intelectuais italianos dos séculos XV e XVI, que traducen os libros latinos, que se basean os seus deseños nas edificacións que aínda seguen en pé, que imitan as composicións e os acabados das súas esculturas, que mesmo fan pasar os seus traballos por marabillas antigas rescatados da terra (Petrarca, Brunelleschi, Rafael, Miguel Angel,..)




Cúpula de Brunelleschi de Santa María das Flores. Florencia




O obxecto da súa protección centrábase, porén, no mundo da antigüidade clásica, e resultaba unha tarefa de iluminados e heroes individuais. Como documento testemuña destas circunstancias, adoita recollerse a carta que lle dirixe Rafael a León X en 1519, sobre do espolio e destrución da cidade de Roma e da necesidade da súa conservación:



O que me produce por unha banda tanto pracer, polo coñecemento de tantas cousas marabillosas que me permite, por outra banda crea en min unha dor grandísima, ao ver o cadáver desta cidade de alma tan nobre, que reinou no mundo todo, tan miserablemente lacerado. É por isto, polo compromiso que todos temos coa nosa patria e os nosos parentes, que me vexo na obriga de empregar todas as miñas pequenas forzas…

Aínda que tamén en España se recollen, nas Leyes de Toro, instrucións para a protección, con regulamentación sobre que pena merecen los que quebrantan los monumentos y desentierran a los muertos. O fenómeno esténdese por toda Europa. Na educación dos nobres e eruditos está obrigada a viaxe e a exploración na busca de vestixios da Antigüidade. Aparecen, disfrazados de Guías de Viaxeiro ou Peregrino, Inventarios e descrición dos fitos de Interés. Os Reis e os Nobres xustifican a súa Grandeza pola Marabilla dos seus monumentos e feitos excepcionais. A obra do Licenciado Molina, Descripción del Reino de Galicia, é ao tempo unha relación pormenorizada e organizada das posesións do reino, unha reportaxe e glosa completa das súas singularidades, compendio de todos os eloxios e fotografía fixa para o goberno do seu propietario, no que se detallan reliquias, paisaxes, produtos, tradicións e nobres figuras, un primeiro e detallo Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia, que vai dende o monumento á tradición e o inmaterial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario