Buscar neste blog

domingo, 23 de mayo de 2010

DA TRADICIÓN ACADÉMICA Á TUTELA INSTITUCIONAL

CARA A SUPERACIÓN DOS CONCEPTOS
O concepto da Restauración, o que de cotío e familiarmente no ámbito profesional se denomina Restauro, é un concepto contemporáneo, procedente da confluencia por unha banda das ansias enciclopedistas de coñecemento científico da natureza real das causas, e por outra banda, o achegamento a un novo revival do clásico, que se entende coma o único antecedente cultural libre dos pecados do Antigo Réxime agora superado. Polo común é o francés Eugène-Emmanuel Viollet-le-Duc o considerado como o primeiro restaurador en termos equiparables aos actuais, pero, como é obvio, as figuras monumentais de cada época son o resultado da fertilidade do contorno no que se desenvolven.

O século XVIII crea o ambiente adecuado e desenvolve as ferramentas teóricas e prácticas. Comezase a crear un novo coñecemento do mundo, ordenado, sistematizado, completo e universal, alleo ás supersticións, á nobreza de sangue e as tradicións gremiais. Alleo especialmente á relixión, pero consciente da importancia do coñecemento do pasado e da historia. A Historia como disciplina científica.


Aínda que existen Academias coma institucións de promoción anteriores a este período, durante o século XVIII é cando se fundan e xeneralizan por todo o territorio europeo, cunha estratexia común e unha serie de principios asimilables entre de si e moi próximos. As monarquías patroneaban e financiaban as súas actividades, e en contraprestación estas asesoraban e promovían as artes e as ciencias, fixaban formalmente os criterios e marcos teóricos e mesmo exercían tarefas de vixilancia, control e supervisión, e co tempo a ensinanza.


Ao recoller en si toda a política e iniciativa cultural nacional, por medio da Academia exercíase un grande poder e ao tempo creábase unha grande inercia, pouca flexibilidade e mesmo actuacións abusivas e interesadas. As leis e os fundamentos teóricos pasan por elas, a regulación gremial, a dirección das investigacións e a instauración dun gusto oficial.


Pero tamén exercían o traballo de investigación, a súa documentación e rexistro. A Academia Herculanense, fundada polo Borbón Carlos III en 1755, tiña por tarefa o estudo e ilustración das antigüidades de Pompeia e Herculano, de maneira que a intelectualidade e os sabios, pouco dados ao desprazamento físico, puideran evocar con fundamentos a natureza real das veneradas pezas do mundo antigo.


As Academias comezan coa produción dunha normativa que ten por obxecto un patrimonio cultural que, por riba xa do concepto do Clásico, está aínda por definir. Nun Decreto de 1753 establécese:

son estatuas de mármol, bronce u otro metal, rotas o enteras, pavimentos mosaicos, o de otra especie, herramientas, o instrumentos de madera, piedra o suela, monedas, o lápidas y lo que de ellas se diga por escritos, tradiciones, o noticias

Os descubridores estaban na obriga de comunicar o seu achado, e os administradores de constatar o lugar de forma efectiva, liquidar co descubridor a conta do tesouro público e enviala peza á Academia. Aparecen ao tempo máis e máis normas relacionadas coa conservación e propagación das antigüidades e monumentos, as penas pola evasión de pezas de natureza monumental ao estranxeiro.


O patrimonio, a herdanza, a heritage é a expresión do meirande orgullo nacional, en oposición e comparación constante co veciño estranxeiro. Pero na mesma época na que, máis que nunca, esta herdanza está a tomar a conciencia xurídica da súa importancia e transcendencia, tamén comeza a existir, por banalización e abundancia, o produto cultural como souvenir.


Dáse comezo polo tanto á xerarquía, á importancia utilitaria, á regulación en beneficio dun ou doutro propósito. E dunha forma voluminosa e sancionada polas leis: existe un gusto nacional propio e paradigmático, regrado, e obxectos propios do meritorio pasado, e pola contra, existen anécdotas e quincalladas, obxectos superfluos e miserias construtivas que poden e deben ser completamente eliminadas e apartadas.

Gravado romántico da Roma Antiga


Pero a ansia de coñecemento e a vontade do espírito artístico superan estas incipientes limitacións, na busca dun continuo, dunha liña de beleza permanente, do lugar común do produto cultural ao longo da historia. E nesa vista ao universal volve á actualidade o mundo clásico en todas as súas dimensións, nun termo amplo e abstracto.


Aparece deste xeito a figura titánica de Johann Joachim Winkelmann, que dende o baleiro pretende a creación dunha Historia do Arte, do Arte Antigo. Supera a realidade da obra, que tanto lle atraía, para falar de conceptos creativos, de harmonía, o movemento, a expresión… e implicitamente a paixón e os sentimentos, a pesar da súa continua evocación da serenidade e da compracencia. A beleza é un dos meirandes misterios da natureza. E a natureza non entende de nacionalidades, nin de escolas de gusto nin de paradigmas oficiais.


Grupo Laocoonte. Escola de Rodas. Obra redescuberta en 1506, adquirida por Julio II


Despois Winklemann todo cambia de novo, e co novo xeito de mirar, co novo sentido que nos permite ver novas cousas, como diría Hegel, a ollada ao que ten valor, ao que ten que conservarse, a como ten que intervirse, varía diametralmente. Seguen Cánova, Quatremère de Quincy,… evoluciona a linguaxe, a expresión, a forma de comprender.


Este é o panorama que prepara a transición, as ferramentas e os obxectivos, o que da o inicio da disciplina da Restauración.

No hay comentarios:

Publicar un comentario