Buscar neste blog

domingo, 2 de mayo de 2010

CONCEPTO DO PATRIMONIO CULTURAL


PRIMEIROS ACHEGAMENTOS

Dende que as comunidades humanas comezaron a construír, ou cando menos un tempo despois, comezaron a manter, conservar e restaurar, e de aló a un pouco, a rehabilitar, demoler e reconstruír. A economía de medios e a optimización dos escasos recursos dispoñíbeis non permitirían outra cousa. Tamén é certo, e resulta evidente, que o progreso, e máis que o progreso, o crecemento e as novas necesidades, fixeron sempre que fora imprescindible renunciar a unha parte do que foi para darlle paso ao que ten que vir. Todas as especies no seu hábitat teñen que comportarse deste xeito para sobrevivir, é unha cuestión de ecoloxía.

Por outra banda, no seu crecemento imparable, as comunidades humanas sempre tiveron a necesidade de manter unha referencia, un fito común, un símbolo. A complexidade dos símbolos e das súas representacións e ritos é un tecido extenso e marabilloso que define de forma singular a cada unha desas comunidades. A cuestión da identidade é unha cuestión de humanidade.

Cando un ídolo familiar, ou un pequeno tesouro pasa dos pais aos fillos, e así por xeracións, ou de mestres a discípulos, ou entre os garantes da ortodoxia e do favor dos deuses, ou mesmo os máis fermosos produtos do roubo e do espolio, cando pasa o tempo fanse vellos, e poden deteriorarse. Nese intre nace a restauración: o valor implícito do ben debe manterse, debe permanecer no tempo mentres o seu significado se conserve, e ademais debe conservarse, de seguro, mantendo o rito apropiado. Ao longo do tempo varía o obxecto de predilección e os xeitos para a súa conservación, pero a intervención de hoxe sobre un ben integrante do Patrimonio Cultural é a mesma cousa. Sigfried Giedion defende que, de forma permanente no tempo, permanecen os símbolos e varían os seus significados. Tamén este é unha visión aplicable á teoría da Restauración actual. E tamén, como nos casos anteriores, é un feito permanente.

Enténdese polo tanto que dende os primeiros artefactos, a conservación e a restauración existen, existen os bens de valor cultural e mesmo, de seguro, dende os primeiros trazos nas pedras, ou na propia pele, existe un criterio, mellor que outro, para facer as cousas. E aínda que na práctica actual dunha disciplina científica da restauración sexa difícil recoñecer lugares comúns cos ancestrais ritos tribais, de seguro que a vontade de reafirmación, a busca da propia identidade é a mesma.


Pinturas corporais rituais, empregando instrumental auxiliar contemporáneo

Se ben semella claro que a restauración é un proceso permanente na historia da creación humana, o obxecto restaurado, ou mesmo o obxectivo final da restauración, marcan a súa evolución e progreso, en acordo coa evolución da complexidade da sociedade que a promove. Paradoxicamente, non é factible seguir unha lectura de progreso permanente, dun continuo desenvolvemento espiritual. É certo que a problemática é meirande en termos cuantitativos, e que a superación de determinados ámbitos de magnitude supoñen en ocasións a configuración dunha masa crítica coa que o problema varía tamén nas súas premisas.


As condicións que impoñen sobre a protección e conservación do patrimonio cultural a presión do mercado económico do solo en detrimento dos bens, ou a transcendencia, se cadra hipertrofiada, na opinión pública dos xuízos de valor feitos por diletantes e afeccionados, en ocasións mesmo realizadas de xeito inocente, son termos absolutos que só poden ter efectividade a través dos mass media e dunha masa bruta social sometida á inercia que provocan milleiros de consumidores potenciais.


Neste eido, a situación non semella máis elevada, superior ou evolucionada hoxe en día que no pasado, e non parece que o aggiornamento romano do Papa Sixto V no século XVI sexa inferior en espírito, ambición e nobreza que o esforzo en conseguir declaracións universais ou mundiais para monumentos cun fin utilitario e de autopromoción, en detrimento mesmo da súa protección e coñecemento. Sixto V, se ben non será un exemplo de respecto na lectura da importancia e relevancia da ruína clásica, si foi quen de ler unha liña de beleza universal, e, no momento en que as vantaxes dunha situación de poder permitían practicamente a toma de calquera decisión, como Haussman trescentos anos despois en París, como San Petersburgo, ou Ferrol, ou Barcelona, por riba do grande racionalismo, e pragmatismo, mesmo necesidade política, destas operacións, está o traballo perfeccionista, a creación da obra de arte por riba de todo.

Obelisco da Piazza del Popolo colocado por Domenico Fontana para Sixto V. O deseño da praza é moi posterior


Este xeito de fagocitación espiritual que se produce dos símbolos, por riba mesmo da súa beleza intrínseca, do universal da súa proposta artística, é máis intemporal que a arte mesma. Do mesmo xeito que no seu día Ramsés II fixo medrar da terra a súa aspiración de chegar ao ceo en Heliópolis, como despois o que había de ser emperador romano, Augusto, confiando na maxia do mesmo rito transporta un obxecto imposible coma un trofeo grotesco á espiña do Circo Máximo, Sixto V marca os centros neurálxicos da súa construción, unha armadura de ouro co peso de toda a historia coñecida. Mesmo contemporaneamente, o propio Mussolini, á sombra dun vello imperio que cría estar comezando a reconstruír, transporta un novo obelisco de Axum (Etiopía) ás proximidades do Circo Máximo, operación vergoñenta que tardou máis de 70 anos en ser refeita, nunha data tan escandalosamente próxima como en 2005, e só despois de ficar no chan feita anacos.

O obelisco de Axum nas proximidades do Circo Máximo, ao fondo


A interpretación do que pode ser considerado restauración dende a óptica actual, ou o que pode ser un ben de valor cultural, pode non corresponder academicamente punto por punto cos feitos do pasado. Se cadra é un proceso de ida e volta. O camiño que leva do espiritual ao material, que se repite en virtude das circunstancias económicas e sociais.

Para o xestor e o administrador do pasado, o valor cultural asimílase de forma consciente co ritual e co místico, xa que é o que permite manter o estatus quo. A cuestión da identidade que permanece incluso no punto primeiro do primeiro artigo da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Por outra banda, a reciclaxe material que unhas culturas impoñen sobre os restos das sociedades vencidas, mesmo do propio pasado vencido, si parece unha practica abandonada … se obviamos que construír unha catedral sobre unha mesquita construída sobre dos restos dun templo prerrománico erixido cos restos de elementos construtivos romanos pode ser considerado un xeito de rehabilitación extrema, da que non estamos ás veces tan lonxanos.


Vista de conxunto da Mezquita de Córdoba


Castelo de Peñafiel (Valladolid) convertido en Museo Provincial do Viño


CaixaForum en Madrid



Queda, por outra banda, o proceso pequeno, o de curto alcance histórico, o que non forma parte das haxiografías e das epopeas. Tamén é habitual a doutrinal pola que o grande cambio social que se produce no eido da restauración é cando se pasa da valoración dos fitos á valoración do tecido ambiental, da casa popular, da construción.

Aceptase que regulamentariamente se introducen estes conceptos coa Declaración de Amsterdam ou a Carta Europea do Patrimonio Arquitectónico de 1975, ou un pouco antes na Carta de venecia de 1964, ou se cadra na primeira Carta de Atenas, a do Restauro ou a do CIAM, ou non antes de Camillo Sitte e das súas fórmulas para a Construción de cidades segundo criterios artísticos, que xa era un best-seller a remates do século XIX… Bruno Zevi cita a Leonardo Da Vinci, que xa avanzara este pensamento:


Nas indagacións sobre a arquitectura “menor” descubríronse, certamente, cabanas de pastores, celeiros, refuxios de montaña e demais, que teñen efectiva validez artística; nestes casos case non hai problema de método, trátase de lexitimalos na historia arquitectónica ampliando o seu radio de acción e lembrando a admirable observación de Leonardo: “as estancias, ou en verdade as vivendas pequenas, están cheas de enxeño, non así as grandes...”


E mirando máis para atrás, na busca da orixe, se cadra tamén Hipódamo de Mileto era da opinión de que unha cidade non se constrúe ao redor dunha acrópole, ou da semente dun acontecemento divino ou místico, senón da masa viva de rúas eficientes e casas suficientes, e que na sabedoría do que sabe ver a chuvia na raia do solpor está a razón para a mellor localización. Non hai outra explicación que sirva eficientemente á xustificación de que unha cidade se reconstrúa unha e outra vez por máis de tres mil anos no mesmo lugar.

Esquemas das sucesivas implantacións da cidade de Troia


Todos estes procesos, que somos quen de seguir ao longo de toda a historia e en todas as súas formas, alcances, técnicas e mesmo obxectivos, achéganos cara a idea de que a Restauración dos bens culturais e un proceso coa mesma lonxevidade que a propia creación. A restauración, por riba dos criterios eficientes e económicos, sempre terá unha importante parte sentimental. E a compresión de que en cada artefacto, en cada construción ou creación artística existe unha parte da humanidade, do que foi no pasado e o que quixo ser para o futuro. E a restauración é a coroa de loureiro que ennobrece de entre todas as cousas aquelas máis fermosas, máis puras e mellores. Ou as máis útiles.




No hay comentarios:

Publicar un comentario